Categorías

Prevención de incendios e limpeza dos montes en Galicia

Prevención de incendios e limpeza dos montes en Galicia

26/07/2017· Impuestos y Administración

PREVENCIÓN DE INCENDIOS E LIMPEZA DE MONTES EN GALICIA

A Administración ten interés e responsabilidade en solucionar os problemas dos incendios forestais, pero precisa da colaboración da cidadanía, especialmente dos propietarios de parcelas forestais.

A Lei de Prevención de Incendios Forestais e a Lei de Montes impoñen a estes propietarios unhas obrigas específicas para procurar prevenir a aparición de incendios, e en caso de apareceren, que poidan ser extinguidos na maneira máis rápida e efectiva posible.

Dentro destas medidas esixidas aos particulares, a mais importante é a denominada “xestión da biomasa”, coñecida como limpar o monte e talar determinadas árbores que facilitan a propagación do lume.

Estas actuacións teñen que estar feitas antes do 30 de xuño de cada ano, e afectan ás zonas de solo urbano, núcleo rural, edificacións, parques e instalacións industriais que se atopen a menos de 400 m da liña do monte.

1.- A franxa a limpar é de 50 metros e a talar é de 30 metros. Se as árbores son caducifolias, tipo carballo ou castiñeiro, a tala só afectará a unha franxa de 10 metros.

2.- Estas distancias mídense desde a liña que delimita o solo urbano ou núcleo rural, que pode coincidir ou non co linde da finca, e en relación coas edificacións mediráse desde a parede do edificio, e no resto, desde o límite do parque ou da instalación.

3.- En caso de edificacións que non teñan a correspondente licenza municipal ou non cumpran co proxecto de edificación aprobado no Concello, o responsable de limpar é o propietario do edificado, podendo pasar polas fincas lindantes para este cometido, e o responsable de talar é o propietario da madeira.

4.- En caso de novas edificacións en zona forestal, haberán de incorporar ao proxecto de edificación medidas específicas de protección contra incendios. As masas forestais, aínda que sexan anteriores, haberán de respectar as distancias respecto a estas novas construccións, pero o propietario terá dereito a reclamar unha indemnización polo prexuízo económico.

En caso de que o propietario non o faga por propia iniciativa, o Concello pode requerilo e darlle un prazo para executar esta obriga, e se segue sen cumprir, fará o traballo o Concello e pasarálle o custo ao propietario.

En canto ás liñas eléctricas e os conductos de gas, son as empresas propietarias da instalación as obrigadas a facer estes traballos, nunha franxa de 5 metros desde a liña eléctrica e nunha franxa de 1,5 m desde o conducto de gas. As empresas haberán de avisar aos propietarios con 15 días de antelación por se preferisen facer eles esa tarefa.

En canto á tala, tamén hai obrigas os restos da corta, tendo que trituralos e deixalos no monte, polo menos un 30 % do total, para permitir que continúe o ciclo natural do chan.

Se finalmente se produce o incendio, a zona forestal afectada non poderá ser recalificada ata pasados 30 anos, a non ser que xa existira en proceso unha modificación do planeamento urbanístico que xa o tivera en conta.

A ter en conta tamén que, dependendo do grao de risco diario de incendio, limitaráse ou prohibiráse a circulación e o acceso a zonas forestais e o uso de maquinaria que poida producir unha chispa que puidera iniciar un lume.

A Lei de montes tamén regula o aproveitamento dos montes para uso doméstico, tanto a recollida de leña como doutros productos, como as piñas dos piñeiros, o propietario da parcela haberá de comunicar á Consellería que vai facer esa actividade, polo menos un día antes, se non, pode ser sancionado como infracción leve, desde 100 ata 1000 € de multa.

En xeral, os incumprimentos relativos á prevención de incendios e xestión do monte serán mais ou menos graves dependendo da superficie afectada e se se produciron danos ou non.

A mellor medida de prevención é estar ben informado, e na miña intervención en A Revista, da Televisión de Galicia, falamos polo miúdo deste asunto.

A Revista TVG 11-07-2017

 

Resolvemos sus dudas

Despacho de abogados en Ames donde le ofrecemos alternativas jurídicas para su protección y si acudimos a juicio lo haremos con las mayores garantías.