Categorías

Herdanzas, renuncias, beneficios fiscais e entregas en vida, en Galicia

Herdanzas, renuncias, beneficios fiscais e entregas en vida, en Galicia

03/02/2018· Familia

Herdeiro: pode aceptar ou renunciar, tanto unha como a outra opción haberá de manifestala en escritura pública perante notario. O herdeiro é nomeado no testamento, e se non hai testamento, determínao a lei, como herdeiro forzoso, na seguinte orde excluínte: fillos, netos, pais, avós, cónxuxe viúvo ou parella de feito, irmáns, sobriños, parentes ata cuarto grado, Comunidade Autónoma de Galicia.

Para que a parella de feito poida ser considerada herdeira, haberán de terse inscrito no correspondente Rexistro, e ter manifestado expresamente que queren os mesmos efectos xurídicos que os do matrimonio.

1.- Aceptación: acto polo que recibe o patrimonio do falecido, tanto os bens e dereitos como as débedas e as obrigas. Para evitar que as débedas e obrigas afecten ao patrimonio persoal do herdeiro, haberá de facer a aceptación “a beneficio de inventario”, xa que desta forma só asumiría o pagamento das débedas ata onde chegue o patrimonio herdado. De todas formas, ten que facer todos os trámites e asumir o custo destes trámites, e puidera ser que finalmente non recibise ningún beneficio.

2.- Renuncia: o herdeiro, tanto por lei como por testamento, non asume a condición de herdeiro e non recibe nada do falecido. O turno de herdar pasa ao seguinte, establecido na lei ou no testamento. Hai que poñer atención se o herdeiro ten fillos, xa que poderían pasar a ser eles os herdeiros, trasladándolles así os posibles perxuízos que se quixeron evitar coa renuncia hereditaria.

A existencia de débedas no patrimonio do falecido, ou a sospeita de que puideran existir, motiva moitas renuncias de herdeiros.

Outros motivos de renuncia:

- Descoñécese o patrimonio do falecido.

- A documentación do patrimonio do falecido non está en orde, e supón moitos trámites e moitos gastos poñela en condicións correctas.

- O imposto a pagar é moi alto, e non hai liquidez no patrimonio do falecido para facer frente ao seu pagamento.

- Motivos de índole sentimental, total falta de apego, ou incluso aversión, frente á persoa falecida ou aos outros herdeiros.

- Os herdeiros renuncian para beneficiar a un deles que foi, por exemplo, quen se encargou do coidado da persoa falecida.

Beneficios fiscais en Galicia

Afectan ás transmisión entre pais, fillos, netos e avós, sempre que o falecido tivera residencia en Galicia.

Se o falecido residía no estranxeiro, aínda que teña patrimonio en Galicia, será de aplicación a lei do Estado español, que reduce moito estes beneficios (mínimo exento 16.000 €).

- Reducción da base do imposto por razón de parentesco entre o herdeiro e o falecido:

- Descendentes menores de 21 anos: 1.000,000 €

- Descendentes maiores de 25 anos, cónxuxe e ascendentes (pais, avós): 400,000 € por herdeiro.

- Irmáns e sobriños: 8.000 € por herdeiro

- Resto de herdeiros, non teñen ningunha reducción.

- Reducción da base do imposto por razón do obxecto que se transmite (entre outros):

- Vivenda habitual (redúcese o valor do inmoble entre o 99% e o 95% do seu valor)

- Empresa familiar (redúcese o valor en 99%).

- Explotación agraria (redúcese o valor en 99%).

O imposto de sucesións haberá de liquidarse no prazo máximo de 4 anos e 6 meses desde o día do falecemento. Fóra deste prazo, pode ser sancionado quen non cumprira con esta obriga.

Con motivo deste beneficios fiscais, en Galicia retomouse o costume de "entregar en vida a herdanza", propio do Dereito galego e con motivo da histórica emigración dos veciños de Galicia, que xa cobraban a súa herdanza cando marchaban para o estranxeiro.

Só pode facerse a favor dos herdeiros forzosos (determinados pola lei).

Modalidades: pacto de mellora e apartación, que se farán en todo caso en escritura pública perante notario e estando as dúas partes dacordo, é dicir, quen entrega e quen recibe.

- Pacto de mellora: o herdeiro e o actual propietario dos bens acordan a entrega dun ben concreto a ese herdeiro, e a entrega será no mesmo momento en que o acorden ante notario ou no momento do falecemento.

- Apartación: o herdeiro e o actual propietario dos bens acordan a entrega, nese momento, do que acorden como suficiente para cubrir os dereitos que legalmente tería ese herdeiro no momento de falecer o propietario; con esa entrega dáse por pagado como herdeiro e deixa de selo, polo que non herdará no momento do falecemento.

Para tomar unha decisión acorde á situación de cada persoa e de cada familia, o asesoramento xurídico previo é fundamental, resultando moi recomendable que se faga cun avogado antes de acodir ao notario, xa que saberá ter en conta os posibles problemas posteriores que se pretenden atallar pois é o profesional indicado para intervir cando estes problemas aparecen.

Falamos deste asunto na miña entrevista en A Revista, TVG, do 30/01/2018.

A Revista TVG 30/01/2018

Resolvemos sus dudas

Despacho de abogados en Ames donde le ofrecemos alternativas jurídicas para su protección y si acudimos a juicio lo haremos con las mayores garantías.